Encontro ca escritora Pilar Macía no IES A Sardiñeira

 


O pasado xoves tivemos o pracer de ter un encontro con Pilar Macía, escritora e profesora de Química en Ciclos formativos, no noso centro.
Pilar achegounos ao oficio de escritor e ensinounos que a realidade pouco ten que ver cos clichés do cinema.

Falounos do mundo editorial, da importancia dos lectores cero, da serenidade que debe ter un escritor ante a súa obra, do traballo inxente que hai detrás dunha novela e da soidade marabillosa que hai ao enfrontarse a cada novo traballo.
Pilar ensinoulles ao noso alumnado de bacharelato que, como en todos os oficios hai "algo de talento e moito de traballo, que o obxectivo debe ser sempre buscar aquilo que nos fai felices, que nos permite expresarnos e que nos completa como persoas".
Pilar, que ven de publicar LOBO, unha novela negra, non descarta abordar outros xéneros literarios e xa ten varios proxectos en mente e outros "repousando".

Explicounos que cada novela esixe moitas revisións, e reescrituras, pero que nalgún momento hai que parar.

Afirma que non é doado sufrir a vertixe de quedar a mercé da opinión dos lectores, pero que agora está a vivir un soño que ten desde nena.
"Nunca é tarde para formarse, para ter unha bagaxe e para deixar saír aquilo que temos dentro", explica Pilar, ao contarnos que, despois dunha longa formación científica, decidiu facer aquilo que tiña dentro desde moi nova: escribir.

Grazas Pilar, por un encontro co alumnado cheo de bos consellos, sensibilidade e franqueza.









Comentarios